Wednesday 01 de May de 2024

Máis de 40 persoas participan no curso de competencias clave e habilidades sociais convocado pola Mancomunidade


Roberto Rey foi o encargado de inauguralo esta mañá en Ordes. Está dirixido especialmente ás persoas interesadas en acceder á Formación Profesional

Esta mañá deu comezo o curso de competencias clave e habilidades sociais organizado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. A resposta a esta convocatoria foi do máis satisfactoria, contando con máis de 40 alumnos e alumnas da maioría dos concellos da comarca. Roberto Rey, presidente do ente supramunicipal e alcalde de Frades, foi o encargado de darlles a benvida a todas e todos os asistentes e de recalcar a importancia “desta titulación para poder aumentar as posibilidades de acadar un emprego”. Beatriz Rodeiro, concelleira de Benestar de Oroso, así como as técnicas de Prevención de Drogodependencias e Igualdade tamén estiveron presentes na inauguración.
O obxectivo máis inmediato da dita iniciativa é o de facilitar
o asesoramento e ofrecer información e apoio para aquelas persoas que estean interesadas en ir ás próximas probas avaliativas de Competencias Clave de nivel II. Estas terán lugar o vindeiro 21 de maio no concello de Silleda e tras superalas poderase acceder directamente a cursos e módulos de Formación Profesional para o emprego.

Con fin de poder ofrecer unha atención máis directa e personalizada tanto o CIM da Mancomunidade de Ordes como o Servizo
de Prevención de Drogodependencias, promotores desta iniciativa formativa, impartirán as clases en catro grupos distintos.